O luns 13 de decembro, ás 20 horas, Ramón Vilalta presentaranos o seu libro O modelo do Big Bang e a xestación do Universo.
‘Big bang’ foi o termo empregado polo científico Fred Hoyle, nunha entrevista de radio do 1949, para ridiculizar unha idea, un modelo; pero este evolucionou e os sucesivos ‘modelos big bang’ fóronnos deixando varias predicións ben confirmadas, algunhas afirmacións hoxe desbotadas e outras hipóteses aínda pendentes de comprobación como a inflación, a enerxía escura e a materia escura; hipóteses que poden mellorar o actual modelo, ou non; niso estamos.
Nunha ‘cociña cósmica’ poderíamos preguntarmos: se quixeramos construír un universo como o que vemos, cales serían os ingredientes básicos? E neste encontro poderemos falar disto.
Ramón Vilalta (Montevideo, 1957) é doutor en Química. Foi profesor de Física e Química en varios centros de ensino do país e formou parte do grupo Antares de Astronomía, impartindo esta materia cando en Galicia existía como tal, no antigo BUP. Foi coordinador dun dicionario de Química e doutro de Física, de libros de texto para o ensino e coguionista de vídeos didácticos como ‘A mensaxe das estrelas’. Entre os libros de divulgación publicados destacan: ‘Astronomía práctica e outras cousas’, ‘Funciona!’, ‘Todo vai’, ‘Lúa Azul. Astronomía’, ‘Otra Luna azul. Cosmología’ ou ‘Introdución ás relatividades de Einstein’.