27

Abr

Cantarenas na noite (Recital poético-musical con soporte audiovisual)

19.30 h

Paco Campos e Domingo DocampoO mércores 27 de abril ás 19.30 h teremos un recital poético–musical con soporte audiovisual. O actor valdeorrés Paco Campos recita (e musica) unha serie de poemas de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado co Día das Letras Galegas 2022. Será un breve pero intenso percorrido por algúns dos versos máis representativos do autor. Palabra e música serán complementadas e potenciadas cun soporte audiovisual elaborado polo director tamén valdeorrés, Domingo D. Docampo, autor de “O castiñeiro morto”, unha curtametraxe de homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán, que será proxectada previamente ao recital.

PACO CAMPOS (O Barco de Valdeorras–Ourense).

No ano 1973 foi membro fundador do grupo de teatro LUME, que dinamizou a cultura e espallou o teatro pola bisbarra valdeorresa. Tras un fugaz e frustrante paso pola Real Escola Superior de Arte Dramático de Madrid, intálase na Coruña e pasa a formar parte da Escola de Arte Dramática Galega, dirixida por Manuel Lourenzo. Dende entón e ata o día de hoxe ten traballado como actor en numeroras obras : D. Hamlet (A. Cunqueiro), Coma as camisas de liño (Otero Pedrayo), Rei Lear (W. Shakespeare), Historia de Neera (R. Salgueiro), O auténtico Oeste (Sam Shepard), Magnetismo (M. Lourenzo), Os vellos non deben namorarse (A. R. Castelao), A gran ilusión (Eduardo De Filippo), Farsa de Bulubú (Manuel María), Náufragos (André Roussin), …

No eido do audiovisual ten encarnado papeis fixos en series: Mareas Vivas (TVG), Nada es para siempre (Antena 3), e episódicos: Pratos combinados, Matalobos, Padre Casares (TVG), Hospital Central (Tele 5), El Secreto (TVE)… Tamén tén participado en filmes como Dame lume, Heroína, Ilegal, Somne…, ou tv movies: Sara, La Bella Otero, Secuestrados en Georgia, etc. Actor e director de dobraxe para TVG, Antena 3 e Tele 5. No terreo musical, grava acompañado polo grupo Chaira, catro discos: Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro (traballo colectivo), Ó rompe–lo día, Laura, ollos de auga, e Un Atlantico de música (inédito). En 2013 publica na editorial Galebooks o audio–libro “O fillo de Maciste”, un feixe de relatos ambientados todos eles no Val de Iorres (Valdeorras)

DOMINGO D DOCAMPO (Petín–Valdeorras–Ourense)

Inicia estudos de Bioloxía e Ciencias Políticas que abandona para estudar Publicidade. Traballa en varias axencias coma executivo publicitario e no ano 2002, tras unha crise persoal abandona o traballo e incorpórase ao departamento de desenvolvemento dunha pequena produtora audiovisual. Posteriormente realizaría un máster en Produción Audiovisual e fundaría a produtora Socialdocs, adicada á produción de documentais e a realización de proxectos educativos. Entre os últimos traballos realizados están os documentais: Florencio na terra (en desenvolvemento), Tomás Fábregas. Fighting Barriers (2022), Boa Proa Mariñeiros (2021), O desafío do Sil (2020), Noetiña (2019)… Na actualiade compaxina a dirección e produción de documentais coa dirección de proxectos educativos coma De Maior Crea e a realización de talleres de cine e creatividade.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies