01

Xul

Presentación de “Cantos de dor e liberdade, voces galegas por Palestina”

19.30 h

Cantos de dor e liberdadeO luns 1 de xullo, ás 19.30 h, presentaremos no noso local o libro Cantos de dor e liberdade, voces galegas por Palestina.

Esta publicación consta de 42 poemas e 12 ilustracións dalgunhas das máis relevantes poetas e artistas da cultura galega. É un proxecto das organizacións Galaico-Árabe Jenin, Galiza por Palestina, Mar de Lumes e Pallasos en Rebeldía. Colaboran neste libro creando e doando a súa obra á causa palestina cincuenta e catro artistas, tanto poetas como ilustradoras e está editado por Tempo Galiza.

Nace esta publicación cunha dobre finalidade: dar unha maior visibilidade á denuncia dos crimes do estado sionista e a reclamación dun alto o fogo inmediato e tamén recadar fondos para as causas solidarias co pobo palestino, neste caso á UNRWA , a axencia das Nacións Unidas para poboación refuxiada de Palestina.

UNRWA é e entidade elixida para recibir os beneficios deste libro porque desde o inicio da brutal agresión en Gaza, a UNRWA e as súas traballadoras e traballadores permaneceron fieis aos principios da organización, mantendo ata o último alento a axuda á poboación de Gaza a pesar dos ataques ás súas sedes e o asasinato de moitas das súas traballadoras xunto cos civís que buscaban refuxio nas súas instalacións. A súa firme postura e as denuncias dos crimes de Israel  tiveron como consecuencia  unha terrible campaña de difamación que levou á perda de apoio de numerosos gobernos.

Participan nesta presentación o profesor Carlos Aymerich Cano, autor do prólogo; Iván Prado, de Pallasos en Rebeldía; Marga do Val; Igor Lugrís; Xulio López Valcárcel, Celso Álvarez Cáccamo, Julia Aguiar, Mensi Cortizas, Sabela Losada, Eli Ríos, Yolanda Castaño e Estíbaliz Espinosa.

Se queres asistir a esta presentación, envíanos os teus datos a través deste formulario:

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies