O mércores, 14 de xuño, ás 19.30 horas, Iria-Friné Rivera Vázquez ofrécenos unha palestra baixo o título Celebrando o SEG. Emulación, emancipación, redención.
Xuño e xullo de 1936 foron as datas nas que o Seminario de Estudos Galegos acadara plena significación. Moitos dos seus membros implicáronse na campaña a prol do Estatuto de Autonomía. Ao mesmo tempo pensouse nunha campaña de verán para seguir co traballo de investigación e divulgación que levaban facendo dende 1923. Neste caso pola zona de Fisterra.
Esta conferencia xira en torno a que sería esta campaña de verán, a cal foi seguida de forma notable pola prensa con novas e detalles abundantes. O derradeiro día, o 18 de Xullo, o SEG rendeu homenaxe a Eduardo Pondal ao visitar o Dolmen de Dombate. Esa foi tamén o derradeiro día no que o SEG viu a luz do día. De igual xeito que nacera trece anos antes nas circunstancias dun golpe de Estado e dunha Dictadura, ese mesmo día sucedeu un golpe de Estado e unha posterior Dictadura que o esnaquizou. Tal propósito so pode entenderse vendo en retrospectiva cales eran os principios e os valores do Seminario de Estudos Galegos, os seus membros -dende a xeración da Cova Céltica ata a xeración Nós, incluíndo a personalidades como Anxo Casal, Camilo Díaz Baliño e Alexandre Bóveda-, a natureza das publicacións vinculadas ao SEG, a sua entidade física, as súas campañas e o obxectivo das mesmas, orientados en coñecer, estudar, divulgar e construír dende as áreas que materializan a estructuración dun país, enxergando coas dinámicas do mundo e contribuíndo os seus avances.
De referentes como Manuel Murguía a posterior concepción do Novo Seminario de Estudos Galegos (Sargadelos), o SEG serve de fío condutor na cultura nacida nos ruxintes anos 20. O que eles materializaron vai mais aló do seu marco cronolóxico, erixindose históricamente como o espirito referente dun mundo mellor.
Iria-Friné Rivera Vázquez é historiadora da Arte. Membro do padroado da Fundación Luís Seoane (A Coruña) e da Fundación Vicente Risco (Allariz).
As persoas que asistan á palestra recibirán de agasallo a publicación de Iria-Friné Rivera O Seminario de Estudos Galegos, que, igualmente, pode descargarse en formato dixital desde aquí.
Se queres asistir, envíanos os teus datos a través deste formulario: