O venres día 30 festexamos o centenario de NÓS. Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas e Antón Losada Diéguez xúntase para fundar unha revista monolingüe sobre a cultura galega á que deciden, a proposta de Castelao, chamar Nós, e así o 30 de outubro de 1920 nacía en Ourense a revista Nós, considerada un dos proxectos máis emblemáticos do galeguismo. Á fronte, como director, figura Vicente Risco, acompañado de Arturo Noguerol como xerente, Otero Pedrayo e Cuevillas, Castelao como director artístico e Ánxel Casal como editor.
Neste centenario de Nós festexamos o nacemento da revista mais tamén a toda unha xeración capaz de falar de ti a ti coa vangarda da cultura europea do momento e cuxo legado perdura un século despois.
Nesta mesa redonda, que será o mesmo venres 30 ás 19.30 horas, participarán Pilar García Negro, Victorino Pérez Prieto e Felipe Senén.
Todas as persoas asistentes recibirán de agasallo un facsímile do primeiro número da revista Nós que nesa data publica Nós Diario.