14

Nov

CHUAC, Fábrica de Armas e TIC: un debate pendente

19.30 h

Fábrica de ArmasA cidade das TIC como actividade intelectual e científica con dimensións sociais complexas está hoxe no centro dun debate cheo de tensións procedentes de correntes enfrontadas de pensamento respecto a utilidade dos espazos que alberga a antiga Fábrica de Armas. Hai que destacar, primeiramente, o hermetismo co que as diversas administracións públicas con competencias na materia tratan o asunto en base a tópicos prefabricados. A cuestión social, porén, non se deixa reducir á lóxica dunha difusión crecente da acción comunicativa dos interesados, senón que provoca a aparición de movementos de protesta, particularmente comprometidos na defensa do carácter público dos terreos propiedade do Ministerio de Defensa que segue coa súa teima de continuar actuando na Coruña como unha inmobiliaria insaciábel.  Non hai que esquecer que o departamento ministerial de Defensa  segue a ser o propietario de todo o solo (incluido o espazo que ocupan a Cidade das TIC) e acaba de reclamar que se lle conserve e aumente a edificabilidade de todo o conxunto baixo o pretexto de “contribución desinteresada”. O litixio derivado das expropiacións en Eirís para a ampliación do actual CHUAC é unha das consecuencias da toma de conciencia cidadá sobre o cuestionamento da idoneidade do seu emprazamento, considerando que os terreos da Fábrica de Armas serían o lugar apropiado para a construcción do novo Hospital evitando asi calquera veleidade especulativa no futuro.

O Club de Opinión Foro Cívico da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, conscente da necesidade de poñer a disposición da cidadanía todas as claves para que poidan formarse unha opinión razonada sobre unha cuestión trascendental para o futuro da cidade, organiza unha palestra que terá lugar o día 14 de novembro, martes, ás 19.30 h, no Circo de Artesáns, que presentará e moderará Emilio Vega, membro do Foro Cívico.

Intervirán:

  • Francisco Dinís Díaz Gallego (concelleiro de Urbanismo).
  • Alfredo Martínez (director da Cidade das TIC).
  • Xosé Lois Martínez (catedrático de Urbanismo da UDC).
  • Mónica Díaz (presidenta da Asociación Veciñal “Uxío Carre” de Eirís).
  • Roberto Teixido (expresidente do Comité de Empresa da Fábrica de Armas).

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies