O xoves 3 de marzo, ás 19.30 h, Martin Pawley falaranos de A humanidade en perigo: ciencia ficción dos anos 50.
Nun tempo politicamente complicado, coas feridas da II Guerra Mundial aínda recentes e o mundo dividido en dous bloques liderados por países con inmensa capacidade militar, a ciencia ficción dos anos 50 serviu de vehículo para expresar o pánico dunha sociedade en permanente estado de alerta. O medo ao inimigo que vén do espazo, ou a unha guerra nuclear global, mais tamén a preocupación polo impacto no medio ambiente das actividades humanas, alimentaron a creatividade de cineastas que encontraron nas fantasías científicas un xeito de falar mellor do momento presente.
Martin Pawley é crítico de cinema, programador e produtor.
Esta actividade forma parte do ciclo Outras historias do cinema que realizamos con Martin Pawley todos os primeiros xoves de mes.