11

Mar

Cine Club Bóveda: “Shoes” (“Zapatos”)

19.30 h

ShoesSeguramente sexa un labor imposíbel poñerlle unha data fiábel de inicio aos cineclubs. Si sabemos que na primavera de 1920 fundou un en París o crítico, programador e cineasta Louis Delluc, que morreu o 22 de marzo de hai un século. Podemos afirmar entón con certeza que a vontade de xuntarse para ver e comentar filmes que non ocupan o foco principal dos circuítos comerciais é un costume centenario. A A. C. Alexandre Bóveda tivo xa un cineclub que comezou no ano 1981 e realizou varios ciclos: cinema brasileiro, clásicos europeos, grandes obras.. Poñemos agora en marcha unha programación estábel de cinema, unha sesión ao mes un luns ás 19:30 para explorarmos xoias do pasado que resultan aínda hoxe plenamente contemporáneas mais tamén para descubrirmos o cinema que fan cineastas do presente, en particular no noso país.

Deste xeito, o luns 11 de marzo, ás 19.30 h, proxectamos Shoes/Zapatos, de Lois Weber. Directora con máis dun cento de curtas e varias ducias de longametraxes na era do cinema mudo, Lois Weber caeu durante varias décadas nun inxustificábel esquecemento que só agora, coa recuperación e a revisión da súa obra, empeza a corrixirse. Lois Weber atreveuse a facer filmes que trataron asuntos polémicos, como o control de natalidade ou a pena de morte, ou de interese social como a precariedade e a pobreza. É o caso de Zapatos (1916), o filme co que abrimos as sesións mensuais do Cine Club Alexandre Bóveda e que presentamos con intertítulos en galego. Ten unha duración de 50 minutos.

PRAZAS ESGOTADAS!

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies