O xoves 21 de abril, ás 19.30 h, presentamos no noso local o poemario Coa luz negada, de Ricardo Seixo Fernández, editado pola Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra“, coa subvención da Deputación da Coruña.
Ricardo Seixo Fernández (A Coruña-Curtis 1950), mestre polo país adiante durante corenta anos, anda hoxe, xubilado, tentando manter vivo o compromiso de conseguir unha sociedade mellor. Deste compromiso nace este poemario.
Ten, desde moi novo, unha forte vinculación coa música tradicional que o leva a ser parte de diferentes grupos: Verbas Xeitosas, Tombalobos, Parabéns… e, neste momento, Maraxe, coas súas fillas Sonia e Noa.
Os seus poemas recóllense, até o momento, en catro poemarios: no 2016 viu a luz Ollares… no fondo da retina… na paisaxe dos afectos, no 2019 saiu do prelo Na república da intimidade e no 2021 Sinais.
Coa luz negada nace por mor da realidade expresada nunha palabra:
Morgue real e permanente
Atentado social á muller.
Lacra sistémica. Hábito
Titorado polo patriarcado.
Rito ancestral do macho
Alfa en celo(s).
Tiranía de poder. Vella
Orxía coa muller-obxecto.
A Asociación veciñal Agra habilitou un espazo na canle Youtube para publicar os recitados dalgúns poemas deste libro. Podes escoitar os primeiros recitados feitos por persoas participantes na actividade Gosto de vivir a poesía.