12

Xan

Presentación de “Coímbra”

19.00 h

CoímbraO venres 12 de xaneiro, ás 19.00 h, Xosé de Cea presentará no noso local a súa última novela: Coímbra.

O título alude á rúa do barcelonés barrio de Horta onde se criou o autor entre 1975 e 1984. Coímbra é, xa que logo, un mosaico onde se constrúe, tesela a tesela, a epopea da emigración galega en Cataluña vivida dende a perspectiva dun neno. Testemuña dun tempo de convulsos cambios sociais que se precipitan tras a fin da ditadura franquista, ese cativo verá como á transición política se superpoñen outras que condicionarán a súa educación sentimental, e mesmo a de toda unha sociedade.

De a cabalo da Bildungsroman e a novela autorreferencial, De Cea irá tirando da memoria, como fillo da diáspora xarnega, para tecer un relato de iniciación focalizado na desnortada travesía que vai da infancia á adolescencia. Pólvora, libros, desamor, pornografía, delincuencia… Os lectores e lectoras avanzarán a tropezos e puñadas co narrador ata decatarse con el de que, ao final, aquela odisea migratoria que sacaría a millóns de homes e mulleres da fame e da miseria acabará deixando como herdanza o desarraigamento, o exilio e a condena.

Xosé de Cea exerceu a profesión xornalística durante os últimos vinte anos ao mesmo tempo que foi publicando unha obra literaria centrada, até agora, na poesía e na literatura infantil e xuvenil. Coímbra é a súa primeira obra narrativa dirixida a un público adulto. Xunto a el, participarán na presentación Xosé Manuel Pampín, coordinador de clubs de lectura nas comarcas de Arzúa e Terra de Melide; e a escritora Laura Rey Pasandín, que foi unha das primeiras lectoras do borrador orixinal desta obra.

Se queres asistir a esta presentación envíanos os teus datos a través deste formulario:

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies