A inhumana política migratoria da UE xera monstruosidades todos os días.
No que vai de ano, máis de 840 persoas perderon a vida no Mediterráneo segundo a Organización Internacional das Migracións.
A día de hoxe, dous barcos, o Open Arms e o Ocean Viking, de Médicos sen Fronteiras e SOS Mediterranée, esperan autorización para levar a porto seguro en Malta ou Italia a 245 persoas.
Italia ameaza a toda ONG que entre nas súas augas territoriais con multas de ata un millón de euros e con reter aos barcos de rescate. Malta non concede autorización e España desenténdese dun barco con bandeira española. Estes gobernos non respectan o dereito internacional. Os gobernos están a incumprir vergoñentamente coas obrigacións que lles impón o dereito internacional ao negar un porto seguro a persoas que poderían sufrir tortura se son devoltas a Libia e que están esgotadas e necesitan protección e coidados.
- Denunciamos o trato inhumano e degradante que supón esta espera no mar.
- Denunciamos que o goberno español non medie para lograr o refuxio inmediato destas persoas, converténdose en cómplice da política criminal de Salvini.
- Esiximos vías de acceso seguras para as persoas solicitantes de asilo
- Esiximos que se cumpra a lei do mar e se leve a porto seguro ás persoas que naufragan.
- Esiximos que a UE cumpra co Dereito de Asilo e reforme o sistema de Dublín que obriga a solicitar asilo no país polo que se entra á UE.
Convocamos a todas as organizacións e persoas solidarias a concentrarnos ante a Subdelegación de Goberno este mércores 14 de agosto ás 20:00 h.
Dereito a refuxio!
Vida digna para todas!