10

Out

Conexións. Unha viaxe arredor do mundo con destino Galicia

20.00 h

Xurxo MariñoO xoves 10 de outubro, ás 20 h, abrimos o ciclo Para estar no mapa do mundo coa palestra de Xurxo Mariño, neurocientífico, divulgador e viaxeiro. Leva como título Conexións. Unha viaxe arredor do mundo con destino Galicia.

Para comprender o mundo no que vivimos hai que comezar por coñecer o que temos na casa. O coñecemento absoluto non existe, de tal xeito que, para comprender algo, o que facemos é establecer conexións entre as cousas. Ao viaxar polo mundo adiante, poderemos comprender e coñecer o que imos observando na medida en que poidamos establecer ligazóns co noso mundo cotiá. Nesta charla comento algunhas ideas e conexións que fixen na miña viaxe arredor do mundo.

Xurxo Mariño Alfonso (Lugo, 1969) é biólogo e Doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela (1998), profesor do Departamento de Medicina da Universidade da Coruña (na actualidade en excedencia).

Membro da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega. Especializado en neurofisioloxía, forma parte do grupo de investigación Neurocom da UDC, así como de varias sociedades científicas estatais e internacionais. Ten publicado traballos de investigación en revistas especializadas e colaborado co Massachusetts Institute of Technology (MIT), onde desenvolveu as súas investigacións de posdoutoramento.

O seu traballo de investigación en neurofisioloxía céntrase no estudo dos mecanismos sinápticos de distintas vías sensoriais a nivel talámico e pretalámico, na interacción tálamo-cortical e no regulamento dos niveis de actividade encefálica global no ciclo sono-vixilia. Paralelamente, ten desenvolvido software especializado de estimulación, rexistro e análise electrofisiolóxico, e colaborado no desenvolvemento de ferramentas estatísticas de análise.

Realiza múltiples actividades de divulgación do coñecemento científico, procurando ademais a interacción co mundo das humanidades. Ten publicado os libros “Os dados do reloxeiro. Ciencia amena para mentes inquietas”(Consello da Cultura Galega, 2005), “Po de estrelas” (Consello da Cultura Galega, 2008), “Neurociencia para Julia” (Laetoli, 2012), “Terra. Ciencia, sorpresas e aventuras dunha viaxe arredor do mundo” (Xerais, 2017), e “El misterio de la mente simbólica. Cerebro, lenguaje y evolución” (EMSE-El País, 2018). Ten organizado diversas actividades de divulgación, como os “café-teatro-científicos”, que levan a ciencia ata os bares, ou os “discurshows”, unha mestura de charla e teatro. Ten colaborado na TVG no programa “Conexións”, na Radio Galega nos programas “As quimbambas” e “O tren do serán”, en RNE1 no programa “Hoy empieza todo”, no programa “Julia en la onda” de Onda Cero, nas revistas “Filosofía Hoy” e “Muy Interesante”, etc.

Na actualidade é colaborador habitual da revista de ciencia, pensamento e divulgación Mètode, do portal de divulgación Naukas.com, e da web da revista Luzes.

No ano 2011 levou o Premio Especial do Xurado do “I Certamen FECYT de Comunicación Científica”, e en 2014 o Premio Tesla de Divulgación. En 2017 foille concedido o premio Lois Peña Novo. No ano 2018 foille concedido o premio da modalidade de “Divulgación” na Gala do Libro Galego pola súa obra “Terra”, libro que tamén levou unha mención de honra na edición de 2018 dos premios PRISMA dos Museos Científicos Coruñeses.

Cultura Científica

Lafrase.org

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies