06

Xuñ

A construción da memoria posible

19.30 h

Palestra Manuel GagoO luns, 6 de xuño, ás 19.30 h, Manuel Gago, xornalista cultural, falaranos sobre a construción da memoria posible: dez obras e espazos para un novo imaxinario galego, dentro do ciclo Pensando o Futuro.

A partir do século XIX, en Europa sucedéronse importantes procesos de construción das identidades nacionais a partir da cultura, que se plasmaron nas artes, na edificación de lugares de memoria e na construción de museos nos que se reunía, preservaba e ‘construía’ o pasado da nación. Gago abordará as principais características destes procesos, imaxinará un Museo de Galicia hoxe inexistente, unha escolma das súas posibles obras e un territorio marcado con lugares de memoria, explorando a complexa relación entre a construción dos relatos nacionais do pasado e aqueles que poden ser pensados e recreados desde a sociedade galega actual.

Manuel Gago é xornalista cultural. Dirixe o portal culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega e é profesor na Facultade de CC. da Comunicación da Universidade de Santiago. Como divulgador cultural, é comisario de exposicións como Ao pé do lar. Memorias de Cociña (2010), Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura (2016), Alba de Gloria de Castelao. Unha experiencia (2018) ou Galicia un relato no mundo (2019). Como ensaísta e escritor de ficción ten publicado libros como Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI (2012), Vento e chuvia. Mitoloxía antiga de Gallaecia (2013), O Anxo Negro (2016), O exército de fume (2018), O sangue das pantasmas (2020) ou Nus (2021).

Neste ciclo, desenvolto en seis luns de maio a xuño, sempre ás 19.30 h, dialogamos, ademais de con Manuel Gago, con Mario Pansera, Teresa Moure, Elena Ferro, Juan Alberto Turnes e Manuel Rivas.

PRAZAS ESGOTADAS!

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies