08

Mai

Presentación de “Da caverna a acrópole: un camiño cara a educación crítica”

19,30 h

Da caverna a acrópoleO mércores 8 de maio, ás 19.30 h, presentarase no noso local o libro Da caverna a acrópole: un camiño cara a educación crítica, de Ciro Briones.

Da caverna a acrópole: un camiño cara a educación crítica confórmase como un ensaio que achega a filosofía á educación, establecendo como premisa a necesidade de desenvolver o pensamento crítico para acadar a plenitude dos valores e das capacidades da ensinanza. Indagando nas posibilidades que ofrece a filosofía como materia, esta obra busca reafirmar un lugar actual onde poida servir ao desenvolvemento crítico do estudantado. A través dun camiño cheo de preguntas que percorre en clave poética, este ensaio unifica o ser e as súas expresións co pensamento e a educación; ampliando a mirada sobre a realidade, indagando nos autores e autoras referentes do pensamento e aportando interesantes propostas educativas. En definitiva, este libro é un vínculo entre filosofía, ensinanza e realidade, tratando de espremer as posibilidades da escola e reivindicando a conciencia persoal e social como parte da formación educativa.

Ciro Briones (1996) nace na Pobra do Caramiñal, A Coruña. Con 18 anos múdase a Santiago de Compostela para facer estudos superiores; foi neses anos cando se inicia na poesía, onde atopou un refuxio e grazas á cal será premiado posteriormente. Tras finalizar esa primeira etapa, trasládase a Pontevedra para estudar o Grao en Educación Primaria e vencellarse definitivamente á educación. Desenvolve os seus estudos á vez que pasa por distintos traballos e, ó finalizar, decide mudarse a Polonia en 2021, momento no que desenvolve gran parte da súa obra e a escritura deste libro. Coa mirada posta na educación, afianza a súa paixón pola literatura e a filosofía, descubrindo na escritura un lugar no que medrar. Dende o ano 2020 é galardoado en diversos certames: 1º Premio de poesía 2020 da Universidade de Vigo; 1º Premio Xuventude Crea 2020 e 2022 (tamén de poesía); 1º premio de Ensaio 2020 da Universidade de Vigo; 2º premio de poesía no XXIII Certame de poesía Díaz Jácome 2022; XXVI Premio de poesía Concello de Carral 2023.

Acompañará ao autor Ana Fernández Soneira, prologuista, titora de tese e doutora do departamento de lingua española da Universidade de Vigo.

Se queres acompañarnos nesta presentación, envíanos os teus datos a través deste formulario:

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies