A Irmandade Galega de Arxentina, presidida por Castelao, decidiu instituír, o 17 de agosto, coincidindo co aniversario do fusilamento de Bóveda, como o día da Galiza Mártir.
Neste día, personificando en Alexandre Bóveda, figura clave para o nacionalismo galego, fundador e logo secretario de organización do Partido Galeguista, vítima da barbarie fascista, vilmente asasinado na Caeira (Poio, Pontevedra), rendemos homenaxe a todas as persoas represaliadas e lembramos, igualmente, todas as vítimas da represión franquista.
A AC Alexandre Bóveda, como todos os anos asistiremos ese día 17 aos actos organizados polo Concello de Poio e a Fundación Alexandre Bóveda e no día seguinte, sábado 18 de agosto ás 12:30 realizaremos o acto de homenaxe diante do monumento a Bóveda na rúa que leva o seu nome (na zona de Catro Camiños).
Neste 2018 dedicaremos a nosa homenaxe ás mulleres represaliadas, a María Miramontes, a Elvira Bao Maceiras, a Amparo López Jean, a Maruxa Mallo, a Mercedes Romero Abella, Concepción González Mosquera, a María Barbeito, a Xoana Capdevielle…
Contaremos coa presenza de Elvira Varela Bao, a filla de Elvira Bao, mestra represaliada, e Bernardino Varela.