O 24 de febreiro de 1837 nace en Santiago de Compostela Rosalía de Castro, figura fundacional na nosa literatura e unha das voces literarias máis relevante das letras europeas do século XIX.
Para festexar esta efeméride a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro este domingo 24 de febreiro.
Na Coruña, a AELG e a AC Alexandre Bóveda realizaremos unha lectura pública da obra de Rosalía ás 18 h diante do teatro que leva o seu nome, na rúa Rego de Auga, o Teatro Rosalía de Castro.
Convidamos a todas as persoas amantes da poesía e da obra de Rosalía que se acheguen para participar lendo a obra da nosa poeta máis universal.
Para saber máis:
Podes ver aquí todos os actos, nos que colabora a AELG, que se realizan ao logo do país.
Historia da literatura galega: Rosalía de Castro
A Fundación Rosalía e a Asociación de Gaiteiros Galegos volven organizar para o 24 de febreiro a Alborada para Rosalía de Castro, para o que fan un chamamento a todos os gaiteiros e gaiteiras de Galicia (e non só: tamén a outros músicos: sexades pandereteiras, requinteiras, tamborileiras, etc.) para dar unha alborada de gloria na súa honra…: Chamamento aos gaiteiros e gaiteiras de Galicia.
Animádevos a subir ás vosas redes co cancelo #LibreOMeuPensamento_rdc_19 textos de Rosalía, a promover lecturas nos centros de ensino, nas asociacións culturais, nas prazas… calquera lugar é bo para recitar a Rosalía de Castro.
Se tes escollido o poema que queres ler fáinolo saber neste correo: secretaria.xeral@aelg.org, e xa cho reservamos.
Eu cantar, cantar, cantei
Eu cantar, cantar, cantei,
a grasia non era moita,
que nunca (delo me pesa)
fun meniña grasiosa.
Cantei como mal sabía
dándolle reviravoltas,
cal fan aqués que non saben
direitamente unha cousa.
Pero dempois paseniño,
i un pouco máis alto agora,
fun botando as miñas cántigas
como quen non quer a cousa.
Eu ben quixera, é verdade,
que máis boniteiras foran.