O luns 18 de xullo, ás 19 horas, proxectaremos no noso local o documental Fíos Fóra, de Illa Bufarda para Amarante Setem.
Por moi finos que sexan, detrás de tódolos fíos que nos rodean hai historias. As mulleres galegas que traballaron no sector téxtil dende os 60 foron a man de obra perfecta e cautiva para erguer unha industria xigante que agora se atopa deslocalizada. Este documental fai un nobelo do sector téxtil aquí e fóra, antes e agora. A historia repítese nos fíos doutros lugares, nos nós deste sistema.
Este visionado facémolo en colaboración co colectivo Pedro Galán, como peche do curso que se centrou na aprendizaxe e estudo das formas de interrelación das opresións patriarcal, colonial e de clase no capitalismo moderno e contemporáneo.