18

Abr

Presentación de “Eles libres e iguais, elas obedientes pola graza de Deus”

19.30 h

ELES LIBRES E IGUAIS, ELAS OBEDIENTES POLA GRAZA DE DEUSO xoves 18 de abril, ás 19.30 h, presentaremos no noso local o libro editado por Laiovento Eles libres e iguais, elas obedientes pola graza de Deus, de Isabel Rodríguez Mate.

Neste ensaio analízase a repercusión da perpetuación dos valores morais da Igrexa católica na discriminación das mulleres durante o proceso de construción do sistema liberal no Estado español e en Galiza (1812-1936), así como na reducida dimensión das protestas promovidas polo descontento fronte a estes agravios.

Deste xeito, se ben xa na Constitución de 1812 enunciábanse como principios esenciais do dereito a liberdade e a igualdade dos individuos (e son estes o principal leitmotiv da conflitividade social de carácter reivindicativo durante o século XIX), as mulleres ficarían excluídas destas premisas até 1931.

Nesta discriminación xogarían un papel esencial tanto a reprodución da conversión dos pecados en leis a través do Estado liberal confesional como o monopolio da Igrexa católica na fixación das directrices morais que debían de imperar nas institucións educativas e nos espazos de socialización e ocio, ocupando un lugar principal a protección dos valores tradicionais ligados á familia e á sexualidade.

Os principios vinculados á moralidade nestes dous últimos ámbitos serían un puntal clave no contrapeso aos primeiros ecos feministas da Idade Contemporánea en Galiza. Uns ecos que se fixeron ouvir a contracorrente e que son pezas fundamentais no camiño cara a erradicación da discriminación de xénero.

Isabel Rodríguez Mate é doutora en Ciencias Políticas, licenciada en Historia e DEA en Estudos Contemporáneos pola Universidade de Santiago de Compostela. Exerce como profesora de Xeografía e Historia no corpo de Profesores de Ensino Secundario. É autora de diversas contribucións aos estudos feministas ou de xénero, como é o caso da investigación e coordinación da obra 22 documentos do feminismo galego; da guionización e documentación da exposición itinerante Feminismo galego, cambios sociais e dereitos das mulleres (ambas editadas pola Fundación Galiza Sempre) ou da publicación A participación política das mulleres galegas no primeiro terzo do século XX. O galeguismo.

Acompañará á autora o historiador Uxío Breogán Diéguez Cequiel, director da Cátedra de Memoria Histórica.

Se queres asistir a esta presentación, envíanos os teus datos a través deste formulario:

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies