24

Xan

Presentación de “En terra rara”

19.30 h

Xosé de CeaO luns 24 de xaneiro, ás 19.30 h, o escritor melidense Xosé de Cea presentará a súa novela En terra rara.

En terra rara aborda a problemática xerada polos conflitos creados por compañías mineiras ao querer realizar a súa actividade en zonas habitadas nas que a terra a explotar é o principal sustento das familias afectadas. Neste caso, a protagonista é unha moza gandeira de 17 anos que se declara en folga de fame para defender a casa e as terras da súa familia dun proxecto co que unha compañía canadense pretende extraer terras raras, un grupo de minerais moi cotizados polo seu amplo uso en novas tecnoloxías e na mal chamada transición verde. En terra rara quedou finalista do IV Premio de Narrativa Agustín Fernández Paz pola Igualdade no ano 2020.

Xosé de Cea (Barcelona, 1970) exerce a escrita dende diversos ámbitos como poesía, narrativa ou xornalismo. Ten traballado para La Voz de Galicia e o Sindicato Labrego Galego, editando máis de cen números do voceiro desta organización agraria, o Fouce. Ademais, colaborou con xornais e revistas como A Nosa Terra, Tempos Novos, Praza Pública, Página Abierta ou Soberanía Alimentaria.

A súa obra publicada reflicte esta diversidade. En poesía: Presenza da fenda (I Premio Letras de Cal, 2001), Solsticio de río (accésit no XIV Certame Francisco Añón, 2014), Vilareda (2018) e Versos para alén da ponte (2020). En narrativa infantil e xuvenil, O lume dos soños (I Premio Meiga Moira, 2004) e Revolución Detrito (2019). Como xornalista, a crónica Baixo a lona preta. Xornal de viaxe dun brigadista na Bahia do MST (2013).

Na presentación participarán tamén Laura Rey Pasandín, Pedro Panduriño (autor da ilustración da portada) e Xulio López Valcárcel (director de Medulia Editorial).

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies