O sábado 18 de xaneiro, ás 18 h, teremos un encontro con Sabino Cuadra.
Sabino Cuadra Lasarte é un dos impulsores da plataforma estatal para xulgar a Martín Villa. Avogado, sindicalista e político. Nos setenta e oitenta militou en organizacións políticas de esquerdas e abertzales en Bizkaia e Navarra ( LKI, Zutik! e Batzarre), así como na organización de solidariedade internacionalista Komite Internazionalistak e no sindicato LAB. En 1998, uniuse á coalición electoral Euskal Herritarrok, coincidindo co proceso de Lizarra- Garazi. Presentouse nas listas de Amaiur en Navarra nas eleccións de novembro de 2011, sendo elixido deputado no Congreso español por esta coalición electoral. Autor do libro Arrojado a los leones (Icaria), actualmente segue traballando activamente en distintos espazos de loita político-sociais e memorialistas, como a iniciativa Sanfermíns-78. Autor de “No os importe matar”
¡No os importe matar! Sanfermines 1978: crimen de Estado
Prólogo de Joseba Asiron Saez
Sábado, 8 de xullo de 1978. Pamplona. Plenos Sanfermíns. Franco hai xa case tres anos que morreu pero o franquismo segue aínda moi vivo. Ese día, decenas de policías rodean a praza de touros, que está a rebordar, cando varios mozos baixan á praza cunha pancarta na que piden a amnistía e uns Sanfermíns sen presos. É a escusa da Policía franquista para irromper no coso, preparar “as bocachas” e tirar con todas as enerxías, o máis forte que puideron. Pelotas de goma, botes de fume, gases lacrimóxenos e balas. Deixaron decenas de feridos, algúns de gravidade, no interior da praza. Moitos máis nos exteriores. O mozo militante de LKI Germán Rodríguez caía abatido por unha bala da Policía Armada.
Despois de máis de 40 anos, Sabino Cadra Lasarte, baseándose no informe que redactaron as Penas sanfermineras naquel entón, en documentos desclasificados recentemente e en traballos monográficos elaborados desde distintos ámbitos, reconstrúe pormenorizadamente o ambiente anterior e posterior e os propios feitos, situando o ocorrido aquel 8 de xullo nun contexto de crimes contra a humanidade cometidos ao longo da ditadura e da chamada Transición. Porque, aínda que os seus perpetradores sigan impunes e a versión oficial cóntenos outra cousa, non foron erros. E non lles importou matar.