15

Dec

Entrega do premio Marcelino Liste

21.30 h

Premio Marcelino ListeA IV edición do Premio Marcelino Liste Xustiza e Liberdade outórgase a ACAMPA POLA PAZ E O DEREITO A REFUXIO, unha organización sen ánimo de lucro, centrada na defensa dos Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxio. A súa actividade principal é a sensibilización da cidadanía como única forza capaz de conformar un cambio positivo e duradeiro.

O premio será entregado o venres, 15 de decembro, ás 21.30 horas, nunha cea no restaurante Finisterrae, na avenida de Navarra, 63 da Coruña.

Desde o ano 2017, que o Club de Opinión Foro Cívico cumpría 25 anos, entrégase o Premio Marcelino Liste XUSTIZA E LIBERDADE arredor do 10 de decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos. En anteriores edicións recibiron este premio a A.C. Alexandre Bóveda, a Asociación Veciñal de Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules e Nicanor Acosta. Foro Cívico está integrado agora na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, que continúa convocando esta IV edición, despois da interrupción pola pandemia, que conta coa colaboración do concello da Coruña e da Deputación Provincial da Coruña.

Este premio anual recoñece o traballo a prol da xustiza e da liberdade de Marcelino Liste, unha referencia inevitábel dos últimos anos da ditadura franquista e primeiros anos da transición democrática. Un loitador que deixou a súa particular pegada nas denuncias dos escándalos e ilegalidades urbanísticas da Coruña a través da Federación de Asociacións Veciñais da comarca, que el presidía. Foi unha persoa entregada aos demais, que sempre actuou seguindo uns principios éticos e defendendo os intereses da cidadanía, particularmente dos máis desfavorecidos, e traballou a prol dunha cidade máis humana, sostíbel e sen especulación. A xustiza e a liberdade inspiraron sempre a súa actuación.

A entidade premiada este ano, ACAMPA, conta cunha Rede Internacional para levar a cabo esta tarefa de sensibilización na que participan, a día de hoxe, 77 organizacións, locais, estatais e internacionais. A composición da rede pódese ver na súa web. Desde os seus comezos en 2016, Acampa foi replicando o seu facer a outras cidades como Piracicaba (Brasil) e Lisboa (Portugal), que se sumaron a esta Rede Internacional en defensa dos Dereitos Humanos.

Acampa realiza accións de denuncia e sensibilización ao longo de todo o ano, así como tamén desenvolve actividades no mundo universitario en colaboración coa Universidade da Coruña. Así mesmo, unha vez ao ano Acampa outorga por votación popular, dous Recoñecementos a organizacións ou persoas significativas polo seu labor a prol da defensa dos Dereitos Humanos e da xustiza; un de ámbito galego e outro internacional.

Trátase de visibilizar cada ano algunha das diferentes causas que provocan vulnerabilidade a millóns de persoas e ao propio planeta. O tema central deste vindeiro VIII Encontro Internacional será “Infancia e Mocidade Refuxiada” e a actividade central terá lugar no mes de xuño de 2024, unha vez máis na Coruña. Posteriormente a organización de Acampa en Brasil desenvolverá o seu propio Encontro co mesmo tema.

As persoas interesadas en asistir a esta entrega poden comunicar a súa participación na cea (30 euros) antes do 14 de decembro a través deste formulario ou enviando un correo a: acab@mundo-r.com; tamén persoalmente na AC Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36-1º da Coruña) a partir das 19 horas ou no teléfono 981200869.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies