O 15 de novembro, ás 19.30 h, estará connosco Manuel Vicente para falarnos das estrelas galegas da ciencia.
En Galiza temos unha pequena constelación de científicas e científicos con vidas que merecen ser contadas. Saberemos nesta charla das andanzas de José Rodríguez na medición do metro, da capacidade de Antonio Casares por poñer en marcha os máis novos achados modernos e da invisibilidade de María Wonenburger. Tamén poremos en valor ao descoñecido pai da oceanografía química, Fernando Fraga.
Cando afondamos máis aló dos catro datos biográficos básicos atopamos verdadeiras “xoias” na historia da ciencia galega. Que mesmo sorprenden aos que se dedican a divulgar ciencia na nosa terra. Por unha vez, o bosque non nos deixaba ver as árbores.
Manuel Vicente é comunicador da ciencia freelance e radioactivo. O seu proxecto persoal é Efervesciencia, o programa de divulgación científica máis veterano do dial en España, que se emite na Radio Galega desde 2006. É o actual presidente de Divulgacción (Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica).
Con esta actividade inauguramos o Ciclo PENSANDO A CIENCIA que traerá a AC Alexandre Bóveda a astrofísica Isabel Rebollido (20 de novembro ás 19,30 h), ao divulgador científico Martin Pawley (24 de novembro ás 19.00 h), á decana da Facultade de Matemáticas Elena Vázquez Cendón (28 de novembro ás 19.30 h) e ao cosmólogo Antón Baleato Lizancos.
Se queres asistir a esta primeira palestra, envíanos os teus datos a través deste formulario: