21

Feb

Presentación de “Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza”

19.00 h

Unha etapa estelar e conflitiva do reino de GalizaO luns 21 de febreiro, ás 19 horas, no Circo de Artesanos, presentaremos a obra de Francisco Rodríguez, Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV), editado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) coa colaboración da Fundación Galiza Sempre.

Trátase do volume I dunha obra, A relevancia do reino medieval galego, que, ao longo de 544 páxinas e nunha coidadísima edición, percorre a etapa medieval de normalidade e esplendor do reino de Galiza, e a crise da segunda metade do século XIV.

Feito con vontade de deitar luz sobre o noso pasado medieval e as deformacións e ocultacións que sobre ese período se teñen producido, o libro nace tamén da necesidade de colaborar ao coñecemento sobre a nosa historia, aspecto no que a entidade editora conta con experiencia dabondo.

Este Tomo I que agora ve a luz céntrase en evidenciar a relevancia incuestionábel do reino de Galiza analizando, debatendo e tirando conclusións tanto desde a historiografía oficial e académica como desde as fontes documentais existentes. E, naturalmente, tomando en consideración a importante, e desconsiderada, historiografía que se ten esforzado, xa desde o século XIX, por combater a manipulación que levou a ignorar a existencia relevante do reino de Galiza e a eliminarnos como realidade política específica na Península, favorecendo así a construción dunha visión histórica ao servizo do castelanismo, primeiro, e do españolismo, despois.

A análise dese momento estelar e conflitivo que se anuncia no título, cuxo desenlace tivo transcendencia para o noso futuro, é obxecto de estudo no Tomo II, xa en preparación e que verá a luz nos comezos do mes de xullo.

No acto, o autor estará acompañado de Patricia Varela (presidenta da AS-PG), María Xosé Bravo (presidenta da A.C. Alexandre Bóveda) e Pilar García Negro (profesora e investigadora).

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies