O venres 18 de outubro, ás 19 h, inauguramos no noso local, na rúa Olmos 16-1º, a exposición de Xosé Iglesias 1500 ventosas ártabras
Creo no marútero azul
patria dos ronseis
do meu sangue
amén.
(A relixión do mar, 2016)
Xosé Iglesias Lamela (Cee, 1974) é mariñeiro, capitán de pesca e poeta. Pertence aos colectivos literarios In Nave Civitas e A Porta Verde do Sétimo Andar. A súa obra está recollida en varias publicacións colectivas (Versus Cianuro, Historias, mitos e monstros do mar de Galicia, Alén do silencio, Dez anos na porta, Aldeas sen voz). Foi finalista nos premios da AELG no 2015 polo seu primeiro poemario Transfusión Oceánica e tamén no 2017 con A relixión do mar, obra premiada tamén co Victoriano Taibo.
Xosé Iglesias antes que nada é un lobo de mar, un home que sente ben de perto o seu oficio e que é capaz de trasladalo ao público mediante a escrita. Todos os mariñeiros son poetas, só que a maioría non o saben. A poesía no mar pode ser simplemente intentar transcribir a liña do horizonte ao papel, ou xirar o lápis no sentido das agullas dun reloxo ou no contario, según ese día sopren os ventos do anticiclón ou as borrascas.