O martes 7 de setembro ás 19 h realizaremos unha visita guiada á exposición sobre Lolita Díaz Baliño A realidade soñada na Fundación Luís Seoane, guiada pola comisaria da exposición Rosario Sarmiento.
Xa no mes de abril realizamos unha visita guiada a esta exposición pero por mor dos límites de aforo houbo moita xente que non puido asistir. É por iso que volvemos repetila agora xa na recta final (pecha o 19 de setembro).
Descoñecida polo público e esquecida pola historia da arte, a figura de Lolita Díaz Baliño (A Coruña, 1905-1963) é representativa das dificultades ás que se tiñan que enfrontar as mulleres, aínda a comezos do século XX, á hora de desenvolver calquera tipo de actividade creativa.
A exposición Lolita Díaz Baliño. A realidade soñada amosa ao público augadas, debuxos, collages, unha pequena selección de porcelanas e un apartado que inclúe catálogos de man, recortes de prensa, folletos, revistas, cartas, fotografías e dous retratos a lapis da artista realizados polo seu sobriño Isaac Díaz Pardo. Preto dun centenar de obras procedentes de institucións, pero sobre todo de coleccións particulares, que conforman na Fundación Luís Seoane a primeira mostra antolóxica dedicada á obra da ilustradora coruñesa, un proxecto comisariado pola crítica de arte e xestora cultural Rosario Sarmiento.