Organizada pola Marcha Mundial das Mulleres da que a AC Alexandre Bóveda forma parte, o vindeiro venres día 13 de xullo proxectaremos o documental ‘Nagore’ de Helena Taberna e realizaremos un debate “Se é machista non é xustiza” con Cristina Bajo.
A directora altsasuarra Helena Taberna ofreceu os dereitos de proxección da súa película documental ‘Nagore’ no décimo aniversario da morte de Nagore Laffage a mans de Diego Yllanes co obxectivo de propiciar un debate social sobre a violencia machista, e nós queremos aproveitar esta ocasión para ver o documental e debater sobre a violencia machista.
Nagore Laffage foi violada e matada por Diego Yllanes na noite o 7 de xullo de 2008, durante os Sanfermíns, e a película de Taberna que analiza o caso converteuse en filme emblemático sobre a violencia que se exerce contra as mulleres novas, sobre todo en contornas festivas.
De volta á casa quero ser libre, non valente.
A sentencia a La Manada, pola violación dos San Fermíns de 2016, que vimos de coñecer hai pouco, botou ás rúas a miles de mulleres para amosar a repulsa a esta sentencia infame que non fai máis que demostrar que o sistema xudicial, o estado e o sistema económico son quen alimentan e protexen baixo a impunidade práctica calquera tipo de violencia sobre nós.
O asasinato de Nagore Laffage, co seu asasino xa na rúa, e a violación en grupo dunha moza e a sentencia que vimos hai pouco de coñecer semella que queren enviarnos unha mensaxe: diante dunha agresión se te resistes asasínante se non o fas os teus violadores andaran polas rúas como se nada pasara.
Logo da proxección do documental ‘Nagore’ realizaremos un debate “Se é machista non é xustiza” con Cristina Bajo.
Cristina Bajo é socióloga, consultora de xénero e igualdade, formadora en temas de coeducación e igualdade e responsable do deseño de programas de igualdade. Coordina o curso Historia del Feminismo do Centro de Estudos de Xénero e Feminismo de la Universidade da Coruña e é consultora técnica de proxectos en Senes Cit.