O mércores 12 de xaneiro, ás 19.30 h, e dentro do ciclo Valdeorras infinda, Ricardo Gurriarán falaranos de Florencio Delgado Gurriarán: poeta valdeorrés, republicano e galeguista. Nesta palestra, Ricardo Gurriarán analizará a figura do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, a quen a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras Galegas de 2022 polo seu labor literario e o activismo político e cultural, que constitúen un dos capítulos máis destacados das letras galegas da diáspora –como sinala a Academia–, neste caso, no exilio mexicano.
Ricardo Gurriarán é licenciado en Educación Física (INEF) pola Universidade Politécnica de Madrid . Exerceu a docencia nun instituto de Santiago de Compostela. É tamén doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela. Autor de numerosos –e premiados– estudos de investigación, Ricardo é un dos máximos especialistas na figura de Florencio Delgado Gurriarán. En 1999, publicaba en Ediciós do Castro, Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista.