19

Xuñ

Presentación da biografía de Francisco Villamil, heroe da guerra de Cuba nacido na Galiza

19.30 h

Francisco VillamilO mércores 19 de xuño, ás 19.30 h, presentaremos unha biografía de Francisco Villamil.

Nacido na Galiza e emigrado a Cuba, Francisco Villamil chegou a ser un relevante dirixente do movemento independentista cubano na primeira das tres guerras anticoloniais (1868-1878), na que acada o grao de “maior xeneral” no Exército Mambí. Foi, pois, un dos líderes que iniciaron a insurrección emancipadora, xunto a outros de maior sona, como Carlos Manuel de Céspedes, Antonio Maceo, Máximo Gómez ou Ignacio Agramonte.

A investigación sobre este persoeiro xa fora iniciada por Xosé Neira Vilas no seu libro Galegos que loitaron pola independencia de Cuba (Edicións do Castro, 1998). O autor do presente estudo biográfico é Eddy Jiménez Pérez, escritor e exprofesor da Universidade da Habana, autor, entre outros textos, de La guerra no fue de fútbol ou La revolución de los camaleones.

O volume que nos ocupa leva por título Francisco Villamil, acompañado dun subtítulo aclaratorio: Heroe da Guerra de Cuba e xeneral de división do Mambís nacido en Galiza. Trátase dunha obra realizada dun xeito rigoroso e exhaustivo que resulta de gran interese para calquera persoa interesada na historia da Galiza decimonónica ou nos procesos de independencia das colonias americanas. Cremos tamén que incrementa amplamente o coñecemento do labor da emigración galega en Cuba, pois, como ben sabemos, nesa illa caribeña, tiveron lugar moitos acontecementos de gran transcendencia para o noso país, como foi a estrea do Himno Galego, o nacemento da Academia ou a publicación de obras de Curros Enríquez e Ramón Cabanillas.

Este libro vén de ser publicado pola Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” co gallo do seu 40º aniversario así como dos 150 anos da morte de Francisco Villamil na loita pola independencia de Cuba.

Presentará o libro, Moncho Leal, autor do prólogo da obra e ex-presidente da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”.

Se queres asistir a esta presentación, envía os teus datos a través deste formulario:

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies