06

Nov

Presentación de “Historia de Neofalantes. A aventura de vivermos en galego”

20.00 h

O día 6 de novembro (4ª feira) presentaremos no noso local o libro Historias de Neofalantes. A aventura de vivermos en galego.

Historias de neofalantesTrátase dunha compilación de testemuñas verídicas de neofalantes (persoas educadas en castelán que deciden mudar para o galego), onde se descreben as súas motivacións, os seus porqués, e tamén e as súas dificultades e entraves na hora de viveren en galego no seu propio país. Opinan, entre outras cousas, sobre como podería reverterse a tendencia castelanizadora destes últimos tempos que pon en perigo a sobrevivencia, na Galiza, do noso milenario idioma.

Como se le na contracapa do libro: “Pola primeira vez na historia do noso país o número de falantes de castelán ultrapasa o número de galego-falantes. A sobrevivencia do noso idioma non só dependerá da resistencia dos falantes maternos, mais tamén e sobretodo do contraataque que representan os neofantes, persoas educadas en castelán que deciden mudar heroicamente para o galego.”

“A través de trinta e sete entrevistas a neofalantes constrúese este relato desenfadado, ao tempo que rigoroso, onde se indaga nas razóns, amiúde formosas, que se ocultan en tras desta sempre difícil decisión. Descrébense, de pasaxe, as ingratas, chocantes e por veces divertidas aventuras que ten de encarar todo aquel e toda aquela que quixer viver en galego na Galiza.”
“O autor, tamén neofalante, aproveita as marxes do argumento principal para axudar a pulir o noso colectivo espello de galeguidade coas refrescante opinión de neofalantes de fóra do país (checos, filipinos, xaponeses…)”.

É o primeiro libro do músico Manuel B. Dans. Até entón colaborara con innúmeros artigos sobre toponimia e mitoloxía en publicacións locais tais como O Adro (Bergondo: 2000-2002); Mariñán (Sada: 2.005-2013); A Xanela (Betanzos: 2.006-2.013), e actualmente n´O Areal (Sada). Este libro está editado por AC Eira Vella de Betanzos.

A portada foi deseñada por Xaquín Marín.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies