27

Abr

Homenaxe aos Mártires de Carral

11.30 h

Mártires de CarralVía Galega, a plataforma da que ACAB fai parte, conmemora o 178 aniversario da  Revolución Galega de 1846 cunha ofrenda floral aos “Mártires de Carral”, diante do monumento aos “Mártires da liberdade”, en Carral e un roteiro até cemiterio de Poleo, onde repousan os seus  corpos. 

A homenaxe terá lugar en Carral o sábado 27 de abril, ás 11.30 h, coa lectura por parte de Henrique del Rio, autor do manifesto, O valor de gañarmos o futuro, elaborado para esta efeméride. A continuación guiará o roteiro que sairá do  monumento  aos ” Mártires  da Liberdade”, erixido pola Liga Galega da Coruña en 1904, para continuar até a Capela do Socorro que serviu de cárcere improvisado para Miguel Solís e os seus homes. De seguido achegarémonos o lugar onde foron “xulgados”, para despois irmos até  a  Fraga do Rei, onde foron fusilados, rematando finalmente no cemiterio da igrexa de Paleo, onde están soterrados.

Mediante este acto, VIA GALEGA, Plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, quere lembrar, no 178 aniversario da Revolución Galega de 1846, un dos acontecementos máis relevantes da nosa historia. Foi unha revolta contra o goberno conservador de Narváez e un modelo de estado centralista e na defensa dun trato xunto para Galiza. O pronunciamento militar e civil prendeu a partir do 2 de abril  de 1846 en diferentes cidades galegas. O 15 de abril constitúese a Xunta Superior do Goberno de Galiza, convertida en goberno do país durante uns días, que pretendía recobrar a unidade territorial de Galiza e aspiraba a que que Galiza, ” convertida nunha verdadeira colonia da corte”,  tivese un papel diferente no estado, ao tempo que se procuraba  un modelo social e político mais xusto coas clases populares. Aínda que se impuxo a represión e os combatentes revolucionarios foron derrotados, esta revolución -que rematou co fusilamento o 26 de abril en Carral de 11 oficiais e o exilio de, entre outros, de  Antolín Faraldo -quedou gravada na memoria colectiva e as súas denuncias e propostas, foron percusoras do  nacionalismo.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies