17

Ago

II Memorial Irmáns da Lexía – Trofeo Bebel

II Memorial Irmáns da LexíaO Memorial Irmáns da  Lexía é unha homenaxe a moitos deportistas que morreron vítimas da violencia fascista, representados nos irmáns Bebel, Jaurés e France, os tamén coñecidos coma os Irmáns da lexía, lembrados con este alcume debido ao negocio que a súa familia rexentaba no barrio coruñés de Monte Alto.

Eran rapaces moi novos, deportistas, que se enfrontaronn á barbarie franquista e deixaron na veciñanza a pegada da súa coraxe. France era boxeador e ciclista. O caso de Bebel é máis destacado, xa que se trataba dun xogador do Deportivo da Coruña. Ambos os dous militaban nas Xuventudes Socialistas Unificadas e herdaban da familia o  compromiso político que marcaba os seus pasos.

Bebel, France e Jaurés procuraban escapar cara a Asturias despois do golpe de Estado de 1936, mais foron apresados en Santa Mariña de Guitiriza. Os tres estiveron presos no antigo cárcere da Coruña e nesa mesma zona viviron o tráxico desenlace das súas vidas. Bebel e France foron fusilados no Campo da Rata; Jaurés, por ser menor de idade, recibiu unha condena a cadea perpetua que nunca se chegou a cumprir, xa que o seu corpo tamén apareceu tiroteado ao pé do cemiterio de Santo Amaro.

Unha lousa de medo cubriu o recordo destes rapaces, ata que alguén na parroquia se puxo a investigar a súa identidade e a súa historia. Tras realizar a derradeira viaxe destes líderes, quixo inmortalizar as que foron as súas últimas olladas , rexas nas súas ideas de liberdade e igualdade. O espírito competitivo e gañador de Bebel, como transmitiu o escritor uruguaio Eduardo Galeano, contaxiou os organizadores do Memorial Irmáns da Lexía, que queren fortalecer na mocidade e na sociedade, en xeral, os valores dun humanismo universal dende as artes e os deportes.

Este é o programa que se desenvolverán o sábado 17 de agosto:

13.00 h Acto e ofrenda floral
13.30 h Sesión vermú
15.00 h Xantar popular
18.30 h II Trofeo Bébel (no campo de fútbol Noreña Basanta, entre o Parga F.C. e o C.D.X. Aranga)
21.00 h Concertos: Nao, Sondarúa e Nuada.

Agás o partido de fútbol, o resto de eventos celébranse no Campo da Festa de Santa Mariña de Lagostelle, en Guitiriz.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies