28

Xuñ

III Festa Amergin da Poesía Atlántica

18.00 h

Na última semana de xuño a AC Alexandre BóvedaIn Nave Civitas e Xuntas polas Artes, coa colaboración do Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin da UDC e a Torre de Hércules, organizamos a grande III FESTA AMERGIN DA POESIA ATLÁNTICA para establecer lazos de unión da literatura galega e a literatura irlandesa. 

O poema fundacional da literatura irlandesa, Manifesto, ou canción, de Amergin (Song of Amergin), ten unha estreita relación con Galiza. Segundo a mitoloxía gaélica, Amergin, o seu autor, procedía do clan milesian de Breogan, os chamados Fillos de Mil ou Milesios, ligados a nosa cidade e aos nosos heroes mitolóxicos, como é o Breogán. Os Milesios, segundo a lenda recollida no Lebor Gabala (ou Libro das Invasións), datado no século XII, chegaron a Irlanda procedentes do noso país centos de anos antes da nosa era.

Eu son o vento mareiro

Eu son o golpe de mar

Eu son o océano que brúa

eu son o cervo dos sete combates

Eu son o falcón no cantil

Eu son a pinga que escintila na alborada.

…Así comeza este poema, en versión de Manuel Rivas.

Para a mitoloxía irlandesa, para a poesía irlandesa, é o poema fundacional da súa literatura.

Despois do concerto folk-rock do xoves 27, continuamos as actividades cunha serie de palestras que terán lugar no noso local da rúa Santo André, 36, 1º, o venres 28 de xuño, a partir das 18 horas: 

18.00 h: Ángel Cerviño e Ana Santorun: Arte no patrimonio mundial. O caso da Torre de Hércules.

A Torre de Hércules aposta por fomentar este diálogo entre arte moderna e patrimonio mundial. Con Reverberos, unha instalación pensada exclusivamente para ser exposta dentro da Torre, que se inaugura en agosto, dáse un paso máis nese diálogo e con el preténdese facilitar unha ollada nova sobre o patrimonio e aportar elementos á creatividade, nunha iniciativa que significará introducir no monumento os sons da paisaxe que arrodea a Torre de Hércules.

19.00 h: Antonio Sandoval: Aves e Natureza a partir da Canción de Amergin.

A Canción de Amergin é o mellor punto de partida para coñecer algunhas das aves e paisaxes naturais que compartimos con Irlanda, da man ademáis de Rosalía de Castro, W.B. Yeats, Philip O’Sullivan, Otero Pedraio…

20.00 h:  David Clark e Miguel Giráldez: Paddy Bushe e o territorio Amergin en Kerry: unha viaxe mítica e unha lectura ecocrítica.

A  relevancia do discurso ecocrítico na poesía do poeta irlandés Paddy Bushe e as súas conexións en torno ao medio ambiente, a paisaxe e a conciencia do lugar con outros poetas irlandeses contemporáneos. Desde a presenza do mito local, Bushe construíu un universo literario no que a linguaxe poética contribúe decisivamente a delimitar lugares a preservar. En Bushe, a conciencia do lugar está ligada á conciencia ecocrítica, a miúdo referida ás comunidades locais, como a península de Iveragh.

A entrada é libre.

E lembrade que esta actividade se completará cun roteiro e unha festa da música e a poesía o sábado, día 6 de xullo, a partir das 21 h, na praia do Areal (tamén chamada praia das Lapas), da que vos daremos información.

III Festa Amergin

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies