O sábado, día 3 de decembro, ás 12 h inauguramos na Fundación Luís Seoane Lenzos e partituras, unha vídeo exposición que aborda as confluencias entre a música e as artes visuais no século XXI.
Lenzos a Partituras nace coa pandemia e a necesidade de buscar xeitos de expresarnos fronte aos cambios impostos pola situación sanitaria que, como nunca antes sucedera, semellaba que nos deixaban desprotexidos fronte ao illamento e a incerteza.
Cumpría reinventarnos e restablecer conexións, curarnos e crear diálogo entre creadoras e creadores, buscar nexos que profundaran nas interseccións entre diferentes disciplinas artísticas. Fronte ao contaxio do virus , contaxiarnos de enerxía creativa, traballar para buscar transmisión e abrigo no colectivo, para xurdir de novo e rebordar para crear novos vínculos e que as artes non fosen só refuxio senón tamén traxecto, camiño por percorrer.
Nacía en épocas de introversión, reclusión e internamento, mais ten vontade de permanencia e de transitar novos camiños de maior comunicación e liberdade.
Desa necesidade e deste encontro de dúas asociacións da cidade, Asociación Cultural AÏs e AC Alexandre Bóveda, nace este proxecto. Contar o potencial creativo de artistas plásticos e visuais e maridalo con música, notas, sons e intérpretes… e agora co amparo da Fundación Luís Seoane, sempre comprometida coa creatividade contemporánea, amosamos este proxecto.
Baixo a dirección de Hugo Gómez-Chao e con guión e voz de Chus Álvarez realizamos un total de once capítulos, sobre dez artistas plásticos e unha exposición colectiva na sala municipal de Palexco.
Agora unha vídeo exposición amosara na Fundación Luís Seoane este proxecto.
A entrada é libre ata completar capacidade.