O luns 27 de novembro, ás 19.30 h, teremos connosco a Rubén Cela impartindo a palestra “Intelixencia artificial e novas tecnoloxías lingüísticas: oportunidades para a lingua galega” coa que pecharemos o ciclo Pensando o Futuro e na que o noso convidado fará unha disertación apta para todo tipo de público non especializado que queira facer un primeiro achegamento ao que son as “Tecnoloxías da Linguaxe”.
Calquera de nós ten empregado un tradutor no seu computador. Tamén dado algún tipo de indicación ao seu mans libres no coche ou ao GPS. Moitas persoas interactúan a diario con Siri, Alexa ou diferente tipo de chatbots ou ven vídeos nas redes sociais subtitulados de forma automática. Porén, a maioría desas persoas non se terán preguntado que é o que ten permitido ditos avances tecnolóxicos. Porén, o que si comprobarían a maioría de persoas galegofalantes é que non poden empregar con normalidade a súa lingua en moitos destes ámbitos.
O noso convidado –fuxindo de tecnicismos– abordará as potencialidades e limitacións destas novas ferramentas para unha lingua minorizada como o é o galego e cales son principais pasos que se están a dar neste momento de cara a garantir o uso do galego nestes novos ámbitos tecnolóxicos.
Rubén Cela (Lugo, 1979) é economista. Foi Director Xeral de Xuventude e Solidariedade na Vicepresidencia da Xunta de Galicia (2005-2009) e concelleiro no Concello de Santiago (2011-2019). Desde o ano 2019 traballa no ámbito da consultaría privada. Actualmente é o Director da Oficina Técnica do Proxecto Nós, proxecto de tecnoloxías lingüísticas impulsado pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Se queres asistir a esta palestra, envíanos os teus datos a través deste formulario: