31

Mai

José Suárez. Uns ollos vivos que pensan

18.30 h

José SuárezO xoves 31, ás 18.30 h, faremos unha visita guiada por Manuel Sendón (1) un dos comisarios da exposición José Suárez. Uns ollos vivos que pensan, no Museo de Belas Artes da Coruña.

José Suárez. Uns ollos vivos que pensan é a maior exposición realizada ata o momento sobre un dos grandes nomes da fotografía do século XX. A través desta mostra búscase resituar ao fotógrafo de Allariz no punto que lle corresponde na historia da fotografía de Galiza e Europa, expoñendo por vez primeira todas as súas series fotográficas así como obxectos persoais e documentos da época.

José Suárez. Uns ollos vivos que pensan descubriranos ao fotógrafo artista, ao profesional dotado dunha forte visión humanista, ao innovador que decidiu incorporar á fotografía os movementos de vangarda europeos. Pero tamén ao intelectual admirado polos seus coetáneos, ao namorado de Xapón, ao home que trocou o éxito do exilio polo esquecemento na súa terra.

A mostra, comisariada por dous nomes de referencia no estudo da fotografía galega como son Xosé Luís Suárez Canal e Manuel Sendón, é dun grande atractivo pola expresividade das imaxes en branco e negro de José Suárez. Ademais, tras o seu paso pola Cidade da Cultura no 2015, José Suárez. Uns ollos vivos que pensan leva viaxando a aqueles países nos que o fotógrafo de Allariz desenvolveu o seu labor profesional: Madrid, Bos Aires, Montevideo, París, Toquio, Nova Delhi e Salamanca.

A imaxe que acompaña a esta nova pertence a serie Mariñeiros. No ano 1936 a produtora cinematográfica Cifesa encárgalle un filme documental sobre os mariñeiros. Empeza a rodar Mariñeiros, acompañando a reportaxe cinematográfica coas súas fotografías, mais o golpe de estado e a guerra varreron con todo. Antes de que poida estrear o filme ten que fuxir cara Arxentina. Alí fai cinema e traballa como fotógrafo para “La Prensa” e traba amizade con Luís Seoane, Núñez Búa, José Bergamín, Lois Tobío… Colabora con Life e outras revistas.

Se queres participar tan só tes que inscribirte a través do formulario da nosa web. O punto de encontro para o inicio da visita será na entrada do museo de Belas Artes, (Rúa Zalaeta, 2) ás 18.30 horas.

Máis información:

(1) Manuel Sendón é fotógrado, doutor en Belas Artes e profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra da Universidade de Vigo. En 1984 creou con Xosé Luis Suárez Canal o Centro de Estudos Fotográficos (CEF), entidade que dirixiu a Fotobienal de Vigo dende 1984 ata o 2000.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies