30

Abr

Luísa Villalta baixo o foco: Presentación de dúas obras editadas por Laiovento

19.00 h

Dúas obras Luísa VillaltaO martes 30 de abril, ás 19 h, acollemos dúas presentacións de Laiovento que teñen o centro en Luísa Villalta, a autora á que se lle dedican as Letras Galegas 2024.

En homenaxe a Luísa Villata, Laiovento publica Un ruído provocado(r). Voces arredor de Luísa Villalta, coordinado por Mercedes Queixas e Montse Pena.  Esta obra reúne 12 voces arredor da vida, mais, sobre todo, da obra de Luísa Villalta. Todas buscan provocar un ruído: facer pensar arredor da poeta, da narradora, da ensaísta, da dramaturga, da profesora, en definitiva, da muller que Villalta foi. Estas páxinas abalan entre a lembranza, o estudo rigoroso, a contextualización da súa produción, a reivindicación dos seus compromisos, o agarimo das amigas, a posta en valor do seu culturalismo e a visibilización do pouso que deixou en diferentes ámbitos. Nelas, a lectora e o lector atento poderán descubrir por si mesmos as arestas dunha autora que non renunciou a ningún xénero literario nin a comprometerse coa sociedade que lle tocou vivir. Marta Dacosta, Francisco Fernández Naval, Alexandrina Fernández Otero, Carmen Fernández Pérez-Sanjulián, Rosalía Fernández Rial, Maribel Longueira, Antía Otero, Roberto Pascual, Montse Pena Presas, Ana Pillado, Susana Sanches Arins e Cesáreo Sánchez Iglesias achégannos a unha das poucas creadoras galegas que, á vez que se introduciu no ámbito da ficción, reflexionou sobre ela. Escoitemos, porque todos os ruídos resultan ser provocadores.

Edicións Laiovento tamén rescata o ensaio O Don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral, publicado orixinalmente en 1992. Neste libro Luísa Villalta analiza polo míudo, non só a peza teatral de Álvaro Cunqueiro, senón tamén as orixes do mito de Hamlet, o seu tratamento por Shakespeare e as diferenzas e semellanzas que ten coa proposta de Cunqueiro. Un libro brillante que nos amosa a fasquía de Luísa Villalta como filóloga, ensaísta e profesora.

Contaremos para esta presentación as coordinadoras, Mercedes Queixas ZasMontse Pena Presas, e a coautora Alexandrina Fernández Otero.

Se tes interese a asistir a esta presentación, envíanos os teus datos a través deste formulario:

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies