20

Xuñ

Lar. Moito mais que unha editorial: un movemento

19.30 h

LarO xoves 20 de xuño, ás 19.30 h, Iria-Friné Rivera ofreceranos a palestra Lar. Moito mais que unha editorial: un movemento.

En 1924 tivo lugar o nacemento da ultramoderna revista Lar na Coruña. Con ela materializouse a aparición do libro contemporáneo galego. Aparición que tivo lugar pola visión, tenacidade, lucidez e sentido do gusto de tres figuras históricas: Leandro Carré Alvarellos, Ánxel Casal e Camilo Díaz Baliño, os tres parte da fundación das Irmandades da Fala e membros do Seminario de Estudos Galegos. Lar alimentouse do dinamismo e singularidade das que estas tres persoas a dotaron, marcando un fito a respecto das publicacións dos anos 20 e da historia da estética libresca galega.     

Lar apareceu un ano despois de que Miguel Primo de Rivera impuxera, cun golpe de Estado, unha ditadura militar baixo o reinado de Alfonso XIII. A supresión de símbolos, himnos e organizacións políticas e sindicais foi respondida con proxectos como esta editorial, a cal viña a recoller a forza de modelos precedentes como Terra a Nosa! e Céltiga. Pero tamén de obras e publicacións vixentes das que recibiu unha intensa influencia, como os trípticos célticos de Díaz Baliño ou a revista Nós. Mais en particular seu sentido do simbolismo, aplicación vangardista da cor e o seu impacto visual a respecto das capas repetidas lle viña dela, a vez facendo referencia do traballo dunha personalidade tan única como Vicente Risco en La Centuria e Nós

Ademais da poderosa presenza de Risco, tanto como esteta como autor, Lar sumou unha magnífica presenza de nomes tanto en escritores como en artistas. Antón Vilar Ponte, Álvaro Cebreiro, Ramón Cabanillas entre outros fixeron medrar unha variedade de temas, narracións, estilos e xéneros, impulsados pola rica personalidade propia da editorial. Pero tamén Lar, polas súas connotacións, lle sumou mais dimensións ao concepto dunha editorial. Lar era, honrando o seu termo orixinal antigo, un fogar. E no seu centenario no 2024 o segue a proxectar ese mesmo espírito para, por e dende a cidadanía galega.  

Iria-Friné Rivera Vázquez é historiadora da Arte e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela. Membro do padroado da Fundación Luís Seoane e da Fundación Vicente Risco.

Se queres asistir a esta palestra, envíanos os teus datos a través deste formulario:

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies