03

Mai

Presentación de “O legado da nena do sal”

19 h

O legado da nena do salO venres 3 de maio, ás 19 h, acollemos a presentación do libro O legado da nena do sal, unha obra de Elena Gallego Abad editada por Xerais, unha novela sobre a memoria que é unha homenaxe a todas as persoas que tiveron que sufrir na posguerra unhas moi duras condicións de vida cheas de abusos e humillacións.

Cando Inés lle prometeu á nai ler os seus cadernos e escribir o libro da súa vida non podía imaxinar o alcance dese legado. Inés sabía que se lle presentaba unha oportunidade irrepetible e fixou a ollada na caligrafía coñecida, coma se así puidese revivir a nai xa ausente para sempre. E o texto prendeuna a un pasado e unha vida absolutamente descoñecidos para ela: «Este é o relato dunha orfa á que lle tocou loitar pola supervivencia, un pequeno gran drama que aconteceu nos tempos duros dunha España acabada de saír dunha guerra civil. Naquel tempo moitas familias perderon todo o que tiñan, algúns incluso a vida, mentres outras facían moitos cartos. Para medraren, algúns deses novos ricos sen escrúpulos nin cultura non dubidaron en aproveitarse de persoas inocentes e desvalidas coma min.»

Elena Gallego Abad (Teruel, 1969) é escritora e xornalista cunha ampla traxectoria profesional, ligada a diversos medios de prensa e radio galegos. Deuse a coñecer como narradora coa saga xuvenil Dragal, publicada por Xerais, autora da novela policial Sete Caveiras e O Xogo de Babel. Autora tamén de relatos publicados en diversos volumes colectivos, impartiu os obradoiros de escritura creativa «Imos Contar Mentiras», «Pontevedra Ficción» e «Proxecto Legado». Actualmente é representante territorial do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en Pontevedra.

Acompañará á autora o historiador e investigador Emilio Grandío.

Esta actividade faise en colaboración coa Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

Se queres asistir a esta presentación envíanos os teus datos a través deste formulario:

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies