19

Xuñ

Libro forum: as persoas refuxiadas

20.00 h

Lúa en NinguresA Asociación Sociopedagóxica Galega e a AC Alexandre Bóveda organizan un novo de ciclo de debate sobre temas diferentes pero que todos eles teñen, ou deberían ter, un oco no ensino. E comezámolo cunha chamada ao (re)coñecemento e a solidariedade para cos millóns de persoas que a guerra e a pobreza expulsa das súas casas e dos seus países.

A data do 20 de xuño foi adoptada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas como o Día Mundial d@ Refuxiad@ . Para lembrar a data e falar de como contar este drama ás crianzas, organizamos un encontro arredor do libro Lúa en Ningures coa súa autora, Beatriz Maceda, acompañada de Laura Lizancos (Coordenadora de Families 4 Peace). O obxectivo é compartir ferramentas, atopar explicacións axeitadas que fagan que nenos e nenas, mozos e mozas saiban que perto de 70 millóns de persoas en todo o mundo víronse obrigadas a fuxir dos seus fogares. Entre elas hai máis de 25 millóns de persoas refuxiadas, máis da metade menores de 18 anos.

As casas da rúa que Lúa percorría todos os días para ir ao colexio, á pastelería, á tenda de xoguetes ou ao bar onde o seu avó xogaba ao xadrez empezaron a desaparecer, esnaquizadas. Lúa e a súa familia vense na obriga de fuxir do horror da guerra e instálanse en Ningures, un campo de refuxiados onde semella que xa non queda esperanza… “Lúa en Ningures”

Beatriz Maceda. Publica os primeiros relatos, «Ela» e «Tuerka 27», na revista «Tempos Dixital». Logo virían o álbum ilustrado «Man. O alemán de Camelle» (2012), coa intención de achegar a figura de Manfred Gnädinger á mocidade; «O álbum de Garrincha» (2015), unha historia sobre como o deporte, neste caso o fútbol, pode ser un elemento de integración para as nenas e nenos migrantes, e «Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán» (2017), que aproxima a figura de Valle á rapazada. En 2019 publica «Lúa en Ningures», o seu primeiro libro na colección Merlín de Xerais.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies