O sábado 11 de febreiro faremos un roteiro pola cidade para coñecer #ACoruñaLiteraria. As luces dos libros. De faro a faro é o nome deste roteiro que será guiado por Carmela Galego, historiadora da arte.
Este será o itinerario:
- Praza do Pintor Sotomayor. Comezaremos o noso percorrido ás 12 h diante da Biblioteca da Casa do Consulado, a biblioteca pública máis antiga da cidade.
- Rúa do Sol, nº 8 a última localización da biblioteca Germinal antes de que o terror fascista se dedicara a queimar libros. Con Ana Romero, historiadora.
- Rúa de Santo André, nº 36. Biblioteca Circo de Artesáns. Con Marcelino Abuín, xestor de patrimonio.
- Xardíns de Méndez Núñez: biblioteca Concepción Arenal, biblioteca Infantil e Biblioteca Popular (edificio Atalaia) Con Xosé Luís Martínez, arquitecto.
O mapamundi do Beato do Burgo de Osma garda unha das primeiras representacións gráficas do que segue sendo o gran símbolo da nosa cidade. Un elemento alongado con catro letras á súa beira: FARO. Hoxe sabemos que ese era o topónimo co que A Coruña se identificaba durante boa parte da Idade Media e este códice do ano 1086 así o recolle. No que semella o outro extremo dun mar coñecido vemos un elemento xemelgo. Está, efectivamente, no oriente do Mare Nostrum e representa o faro de Alexandría. Alexandría, ese lugar suxerinte ao que nos vemos en irmandade polos nosos grandes símbolos: os faros. De faro a faro e elementos que botan luz, Alexandría é tamén mundial e historicamente coñecida polas luces dos libros da mítica biblioteca.
A ruta do coñecemento a través da preservación das bibliotecas non é doada de pescudar.
Este sábado, día 11 imos facer este paseo para coñecer mellor as bibliotecas que foron e xa non están, as que permanece, para saber máis de A Coruña Literaria.