
“Cortázar con barba”. Publicado por La Voz de Galicia, o 2 de abril de 1972, na sección “Figuracións”, de Luis Seoane.
Luís Seoane e Julio Cortázar coñécense en Bos Aires no ano 1944. Julio e Luis, os dous firmes nos afectos, manterán unha relación de amizade durante case tres décadas, amizade da que participan Maruxa e Aurora Bernárdez. Algún biógrafo de Cortázar afirma que a súa relación con Seoane e Lorenzo Varela foi estratéxica para o desenvolvemento posterior da súa carreira literaria. Isaac Díaz Pardo lembraba que: “eran moitas as veces que Luis falaba do amigo escritor, sobre todo a partir do éxito de Rayuela, que non o sorprendeu e si alegrou”. Deste universo de afectos tratará a palestra a cargo de Chisco Fernández Naval: Luis Seoane e Julio Cortázar -Amizade entre cronopios-.