03

Xuñ

María Casares: O mar da Coruña na biblioteca da exiliada

19.00 h

María CasaresO venres 3 xuño, ás 19 horas, dentro das palestras que organizamos no centenario de María Casares, Arancha Estévez falaranos do mar da Coruña na biblioteca da exiliada.

Actriz venerada. Gran tráxica. Amante do risco. Ousada. Sempre a contracorrente. María Casares, filla do último xefe de goberno da II República, Santiago Casares Quiroga, ten que saír de España en 1936, con catorce anos. Antes de facer os vinte, é xa primeira actriz nos teatros de París e participa nalgunhas das películas que marcan a historia do cinema francés como Les enfants du paradis (1945), Les Dames du Bois de Bologne 1945) ou Orphée (1950). Desde os primeiros anos de éxito decide que o estatuto de refuxiada en Francia mantena fiel á memoria da súa familia pero, sobre todo, á de todas as persoas desterradas. Sábese parte da comunidade de “parruliños feos”, como ela di, que se desprazan polo planeta. Quen é esa actriz premiada e tan louvada, que recita francés con acento galego e que ten unha risa eterna? Quen é esa muller que non volve á Coruña, nunca deixa de falar de Galicia e cuxa biblioteca preside un cartaz da súa cidade natal? Celebremos o centenario da muller que representa un dos cumios da cultura galega do século vinte falando dela.

Arancha Estévez (Vigo, 1973), forma parte da primeira promoción de xornalistas formadas en Galicia, na facultade da Universidade de Santiago de Compostela, centro de ensino que foi o obxecto de estudo da súa tese de doutoramento lida no 2012. Dedícase desde o 2003 á comunicación no ámbito da cultura. Antes, exerceu o xornalismo colaborando con diferentes medios e, fundamentalmente, entre o 1993 e o 2002 como parte da redacción do semanario A Nosa Terra. Na mesma editora do xornal publicou no 1999 a biografía da actriz María Casares que abre a colección ‘Mulleres’, xunto a outro título dedicado á artista Maruxa Mallo, da autoría de Carme Vidal. Vinte e tres anos despois, a edición revisada e actualizada do libro chega ás librarías da man de Aira Editorial. É a comisaria da exposición itinerante María Casares. O teatro é o refuxio, promovida pola Xunta de Galicia neste ano de celebración do centenario da actriz.

PRAZAS ESGOTADAS!

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies