O mércores 14 de setembro, ás 19.30 h, inauguramos no noso local a exposición Hibridacións e outras mitoloxías do artista plástico Martín Rincón.
Hibridacións e outras mitoloxías
A orde é o pracer da razón mais a desorde é o pracer da imaxinación
Paul Claudel
Na oposición razón/imaxinación proposta por Claudel, a orde e a desorde preséntanse como estados ou condicións cun lugar fixo para cada elemento. Así, aquilo que vén sen arranxo, que asalta ou irrompe sen estrutura, método ou sentido previos parece provir sempre da imaxinación. Porén, no territorio da arte, todos estes elementos conflúen para transfigurarse en metáfora, nunha linguaxe outra vinculada ao tempo, ao seu tempo e ao de todos.
Desta forma, o desexo, as emocións e as vivencias, tanto no individual como no colectivo, poden encontrarse nesa zona do imaxinario onde viven o mito e a memoria. O artista saberá darlle forma a todo isto, é dicir, ideará unha orde persoal para facela dialogar co outro e consigo mesmo ao longo do tempo. De aí que recordemos as palabras de Rita Azevedo Gomes cando fala, a propósito do seu filme Danzas macabras, esqueletos e outras fantasías, do que supón «a experiencia de reencontrarse cunha obra de arte e achar nela un testemuño da nosa memoria e do transcurso do tempo».
Todas estas ideas conxúganse na exposición «Hibridacións e outras mitoloxías», do artista plástico Martín Rincón. Segundo Rincón, a experiencia do confinamento de 2020 foi fundamental para a concepción deste proxecto expositivo no que o recordo, a memoria e o encerro se conxugaron para volver a unha das súas afeccións máis temperás: o cinema. E foi Creeping vine (Vide rastreira) –unha das historias incluídas na película Dr. Terror’s House of Horrors (1965), do director Freddie Francis– a que lle serviu de leitmotiv da exposición. A historia narra as vivencias dunha familia atrapada na súa casa, e das súas ansias de escapar, mentres no xardín os asedia unha enredadeira, unha criatura intelixente con tendencias violentas cara a calquera ameaza á súa existencia.
A esta ficción váiselle sumar outra que terminará de completar o percorrido formal e conceptual de «Hibridacións e outras mitoloxías»: o mito de Dafne e a súa metamorfose na árbore de loureiro. Entre estas dúas invencións constrúese o fío narrativo da exposición, onde a espesura da follaxe e demais formas vexetais van dialogar coa memoria, o mito e a imaxinación.
Todo isto evidénciase nas tres series que compoñen esta exposición. Na primeira destas series, comezada en 2018, establécese un xogo entre figura e fondo que se suxire a través do uso de téxtil, papel e outros obxectos, para dar énfase a un todo libre de referencias explícitas no argumental. Na segunda, Venus, Adán e Eva son descontextualizados das obras de Botticelli e de Durero, respectivamente, ao igual que Marylin –no filme Niágara (1953)–, construíndo imaxes recubertas dunha follaxe que o invade todo. Finalmente, na terceira serie, un Davide de Buonarroti e unha Marylin encerrados en espazos imaxinarios, emulan a Dafne con senllos traxes de loureiro.
Tanto en «Hibridacións e outras mitoloxías» como en case toda a narrativa de Rincón, persiste o interese polo espazo, a acumulación e a repetición asociativa entre obxectos e imaxes para devir en idea/concepto, representando así a busca da espacialidade. Para isto, a colaxe e a ensamblaxe insisten para ser a base do ordenamento espacial e o contido simbólico do obxecto durante todo o proceso.
Martha Durán (Trujillo, Venezuela, 1976). Escritora e docente. Profesora de Escritura creativa e literatura.
Martín Rincón Pocaterra (Maracaibo, Venezuela). é artista plástico e arquitecto. Expuxo en Venezuela, Estados Unidos, México e España, coa Galeria Trinta-Santiago de Compostela (2002-2003), no V Salón de Outono de Pintura, Real Academia de Belas Artes (2004), A Coruña; nas Bienais, VIII e IX Mostra de Arte Unión Fenosa-MACUF (2004-2006), A Coruña; e coa Galería Edurne-Madrid (2007-2009), entre moitas outras.