O luns 21 de novembro, día no que se fan cen anos do nacemento de María Casares, ás 19.30 h, o noso local, na rúa Olmos, 16-1º, será o escenario da representación da montaxe teatral Mi querida Vitola, arredor da figura de María Casares, a cargo do Club de Teatro da biblioteca municipal Sagrada Familia.
Esta dramatización estrutúrase en tres partes:
- A Vitola pequena, que con 9, 12 anos, escribe ás súas amizades da Coruña.
- A correspondencia entre María Casares e o seu pai Santiago Casares, recollidas no libro Cartas no exilio. María escribe desde Italia e Niza, onde está rodando varias películas, entre os anos 1946 e 1949, ao seu pai que está en París.
- Unha entrevista radiofónica ficticia á María Casares dos últimos anos, feita a través de retrincos doutras entrevistas reais.
A través deste espectáculo coñeceremos non só algúns feitos da vida de María Casares, senón tamén a súa personalidade, as súas relacións e a súa actitude ante o exilio e ante Galiza.
O club de teatro da biblioteca municipal Sagrada Familia naceu hai 5 anos e reúnese todos os xoves para recibir formación actoral, principalmente orientada ao teatro lido, e ao mesmo tempo crear espectáculos de pequeno formato. A súa actividade non se interrompeu nin sequera durante o confinamento, pois seguiu traballando facendo pezas de radioteatro. Este último ano centrou o seu labor arredor da figura de María Casares. Ademais de representar esta montaxe nas bibliotecas municipais, tamén o presentou, nos meses de maio, xuño e xullo no Quiosco Alfonso, dentro do marco da exposición María Casares, actriz océano.
Se desexas asistir a este evento, envíanos os teus datos a través deste formulario: