07

Mai

Presentación do monográfico de Sermos Galiza dedicado a Mª Victoria Moreno

19.00 h

Renacer á descubertaO luns 7 de maio, ás 19 horas, preséntase no noso local a segunda monografía das editadas por Sermos Galiza. Nesta ocasión, dedicada a María Victoria Moreno: Renacer á descuberta das palabras.

Este monográfico, oordinado por Mercedes Queixas e Cesáreo Sánchez, secretaria e presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), achega, a través de oito textos, unha idea de conxunto de quen foi María Victoria Moreno. En palabras de Mercedes Queixas, “recompila un breve argumentario expositivo dun perfil humano e literario moi amplo, moi diverso e moi vizoso que pode axudar a entender a calquera persoa cales foron as razóns que levaron a Academia a decidir que o Día das Letras Galegas de 2018 se centrase no coñecemento e na recuperación da figura de Mª Victoria Moreno, a cuarta muller en 55 anos de historia do Día das Letras Galegas”.

O lectorado vai atopar oito colaboracións en que participan persoas moi achegadas a Mª Victoria e que conviviron con ela, mesmo nalgún caso sendo alumna –como é Fina Casalderrey– ou compartindo con ela proxectos comúns, como Antonio García Teijeiro, quen, xunto David Otero e a homenaxeada, foron responsábeis da posta en andamento da colección Árbore da editorial Galaxia, que era moi punteira á hora de difundir a literatura infantil e xuvenil en galego”, explica. “Vai atopar tamén colaboracións de persoas estudosas e biógrafas como Eli Ríos, quen fixera a primeira biografía adaptada a todos os públicos da editorial Urco, e agora tamén Montse Pena Presas, que presentou biografía de Mª Victoria Moreno en Galaxia este mesmo ano. Tamén vai atopar colaboracións de estudosas da obra ás que lles pedimos que fixesen un proceso de relectura e interpretación”, engade. Refírese a Susana Sánchez Arins, que se mergulla en Guedellas de seda e liño; a Marta Dacosta, que interpreta o conxunto da poesía ou a Carme vidal, cunha análise do diario de enfermidade de Mª Victoria Moreno, Diario da luz e a sombra, un dos poucos exemplos dunha escrita biográfica destas características. Ademais, Mercedes Queixas asina unha peza en que analiza algunhas personaxes femininas poderosas na obra da escritora, “máxime se temos en conta as datas en que foron escritas”. Refírese ás claves feministas, de igualdade e de xustiza social de Onde o aire non era brisa e de Anagnórise.

No acto deste luns contaremos coa intervención de María Xosé Bravo, Mercedes Queixas e Eli Ríos.

Podedes ampliar a información sobre o contido deste monográfico en Sermos Galiza.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies