BellónMaceiras (Daniel Bellón e Diego Maceiras) presenta o seu primeiro conto musicado dirixido ao público infantil e familiar. A partir do texto de Pepablo Patinho, BellónMaceiras constrúe a banda sonora de A Música das buguinas cunha selección de temas populares e composicións propias. O conto está ilustrado por Leandro Lamas e narrado por Gloria Mosquera de Mamá Cabra.
O mundo de Roque, o neno que escoitaba os sons do mundo a través da súa buguina, pretende achegar a música tradicional galega ao público infantil e facer que os adultos a redescubran. Unha música cunha coidada selección entre os xéneros máis coñecidos e queridos da nosa tradición: muiñeiras, alboradas, pasodobres, pasacorredoiras ou regueifas.
A presentación será o xoves 8 de setembro ás 19.30 h. No acto estarán presentes, ademais de BellónMaceiras, o autor Pepepablo Patinho e Leandro Lamas, ilustrador.