21

Xuñ

“Nación”, de Margarita Ledo

18.30 h

NaciónO luns, día 21 de xuño, ás 18:30 h, proxectaremos nas salas de cinema do Fórum o filme NACIÓN de Margarita Ledo.

Debido ás limitacións de aforo, que padecemos pola pandemia, só contaremos con 32 prazas entre as dúas salas de cinema.

A continuación teremos no auditorio do Fórum un encontro coa directora. As prazas aquí serán 48, é dicir 16 prazas máis que para ver o filme.

Se queres reservar praza para ver a película debes facelo a través da plataforma do Concello.

Abrirase o prazo para reservar a entrada este xoves, día 10, ás 10 h.

NACIÓN, un documental que reivindica a loita obreira desde o punto de vista das mulleres.

Moito se ten falado da loita obreira, pero poucas veces asomou no cinema o específico que esa loita ten para as mulleres: a apertura ao mundo que supuxo a incorporación ao traballo, no medio tamén de tempos convulsos para o sector fabril. A través das enérxicas e carismáticas mulleres da fábrica de cerámica da Pontesa, Margarita Ledo constrúe un relato emocionante, combativo e poético dunha loita inconclusa: “unha película que trata do moito que tardamos as mulleres en ter dereitos, non só en votar senón en acceder ao traballo asalariado e á posibilidade de ser independentes. En resumo, o moito que nos custou ser Nación”.

Margarita Ledo é Catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Universidade de Santiago de Compostela. Doutora en Ciencias da Información pola Universitat Autónoma de Barcelona. Investigadora e escritora, onde destacan as súas últimas obras El cuerpo y la cámara (2020) e a colección Para unha historia do cinema en lingua galega, que inclúe tres exemplares: I. Marcas na paisaxe (2018) – II. A foresta e as árbores (2019) – III. De illas e sereas (2020). Membro da Real Academia Galega dende 2009. Cordina o Grupo de Estudos Audiovisuais, cualificado como grupo de referencia competitiva, e nel dirixe o proxecto de I+D+i Patrimonio Cultural Inmaterial: Para un programa europeo de subtitulado en linguas non-hexemónicas. É co-fundadora da cooperativa NUMAX: cinema, libraría e laboratorio de deseño, comunicación e produción audiovisual, en Santiago de Compostela. Finalmente, a súa carreira como cineasta recolle as obras Santa Liberdade (2004), Hai que botalos (2005), Liste, pronunciado Líster (2007), A cicatriz branca (2012) e Nación (2020), gañadora no Festival de Sevilla do Premio Especial á mellor dirección de película do Estado.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies