O xoves 18 de maio, ás 19.30 h, Jorge Carril Espido ofrécenos unha palestra baixo o título No ronsel de Seoane: a recreación da Galicia medieval en Na brétema, Sant-Iago.
A palestra fai parte do Ciclo Aula Aberta que realizamos en colaboración coa Universidade da Coruña. Nela, Jorge Carril centrarase no medievalismo de Seoane, concretamente a súa recreación no seu segundo libro de poemas en galego: Na brétema, Sant-Iago.
Luís Seoane López (Bos Aires, 1910 – A Coruña, 1979) é unha das figuras máis representativas e destacadas da cultura galega no exilio. Na súa inxente obra, dunha elevada calidade artística e literaria, o creador coruñés mostrou unha verdadeira fascinación polo pasado medieval de Galicia. Nesta conferencia estúdase este medievalismo de Seoane en Na brétema, Sant-Iago, unha obra que ocupa un lugar destacado no panorama da lírica galega no exilio americano e que representa moi ben ese interese que sempre sentiu o polifacético creador coruñés pola Galicia medieval.
Jorge Carril Espido (A Coruña-1999) é graduado en Galego-Portugués e graduado en Español pola Universidade da Coruña. Actualmente está cursando o Mestrado en Formación do Profesorado na Universidade de Santiago.
Se queres asistir, envianos os teus datos a través deste formulario: