O xoves 27 de abril, ás 19.30 h, presentamos no noso local o libro de relatos breves Nomes propios, escrito por Celestino Pérez Recarey e editado por Toxosoutos. Nel recóllense historias onde o protagonismo recae nas mulleres, nos homes e nos lugares onde de desenvolven estas historias.
Nalgúns deles nárranse momentos relacionados co amor nas súas diversas formas, pero tamén vivencias traumáticas como a enfermidade ou o fracaso profesional. Noutros, prodúcese un achegamento á nosas lendas e feitos fantásticos que poden ter un fondo histórico.
Así mesmo descríbense situacións e circunstancias que calquera persoa puido vivir nalgunha ocasión da súa vida. Afloran sensibilidades como a honradez ou a covardía, pero tamén circunstancias vividas na escola, no deporte ou no traballo. Igualmente, expóñense temas relacionados co alcoholismo, coa infidelidade ou mesmo coa morte. Ademais hai unha aproximación á nosa rica e variada literatura de tradición oral.
Finalmente, salientar que en todos os relatos deste libro está sempre presente un sentimento inalterable: o amor ás persoas e á nosa terra.
Celestino Pérez Recarey dedicouse fundamentalmente ao ensino como mestre, asesor de formación e director do Centro de Formación e Recursos da Coruña. Publicou varios libros relacionados coa lingua galega e coa didáctica do ensino, entre eles, O galego actual, O lecer e a lingua oral e Para dicir e facer. Publicou Andainas e Nomes propios na Editorial Toxosoutos.
Acompañará ao autor Javier Pintor Elizalade, asesor de formación no Centro de Formación e Recursos da Coruña.
Se queres asistir, envíanos os teus datos a través deste formulario: