14

Out

Presentación de “O portugués esquecido. O galego e os dialectos portugueses setentrionais”

19.30 h

Xosé Manuel Sánchez ReiO xoves 14 de outubro, ás 19,30 h, presentamos no noso local o libro O portugués esquecido. O galego e os dialectos portugueses setentrionais de Xosé Manuel Sánchez Rei.

Durante séculos, a oralidade popular das rexións setentrionais de Portugal conservou trazos fonéticos, gramaticais e lexicais que corresponden, na actualidade, a elementos idiosincráticos diferenciadores do galego a respecto do padrón lusitano. Os gramáticos e lexicógrafos da metrópole lisboeta combateron enerxicamente esas características xa desde os inicios da tradición gramatical portuguesa no século XVI. Mais a maioría delas, por motivos culturais, históricos, sociolóxicos etc., conseguiu sobrevivir até aos primordios dos século XX e, nalgúns casos, inclusive se mantiveron até á nosa época. O portugués esquecido. O galego e os dialectos portugueses setentrionais aprofunda neses trazos lingüísticos considerados hoxe marcadamente galegos, e, até non hai moito tempo, tamén típicos da lingua oral dialectal do Minho e de Trás-os-Montes.

Xosé Manuel Sánchez Rei (A Coruña, 1973) é profesor titular na Universidade da Coruña na Área de Filoloxía Galega e Portuguesa. As súas liñas de investigación céntranse na gramática do galego contemporáneo, na variación lingüística e na linguaxe literaria, ámbitos sobre os cales ten dado a lume diversos traballos: Se o vós por ben tiverdes. A intepolación pronominal en galego (1999), Os pronomes demostrativos: do latín ao galego contemporáneo (2002), A lingua literaria galega no século XIX (2005, en parcería con outros autores), A lingua galega no cancioneiro de Pérez Ballesteros (2006), O complemento preposicional en galego. Análise desde a Gramática de Valencias (2010), Lingua galega e variación dialectal (2011), Modelos de lingua e compromiso (2014, en parcería con outros autores), O falar das fadas. Lingua, música e toponimia da Galiza (2016), As ciências da linguagem no espaço galego-português. Diversidade e convergência (2016, en parcería con outros autores), O portugués esquecido. O galego e os dialectos portugueses setentrionais (2021) etc.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies